Tuesday 07 de May de 2024

A brigada de obras municipal acomete melloras na seguridade do Campo de Noia


A brigada de obras do Concello de Noia está a acometer estes días actuacións de mellora da seguridade do Campo de Noia. “Trátase de pequenas actuacións como colocación de proteccións metálicas ou reparación e pintado de varandas para mellorar a seguridade dos peóns na zona e que se unen aos traballos de limpeza de beirarrúas e da contorna da ponte do Campo de Noia”, explica o concelleiro de Obras, Martín Fernández Godón.
Así, o Concello de Noia instalou pinzas de aceiro no borde das beirarrúas para impedir que os vehículos poidan estacionar sobre elas. Unhas pinzas colocadas tanto nas beirarrúas como nas proximidades dos pasos de peóns, para garantir así a visibilidade das persoas que pretenden cruzar a estrada.
Estas actuacións desenvólvense de xeito paralelo ás de limpeza e roza nas parroquias do rural, iniciadas a principios de mes.